Dende 1996 atópase en funcionamento o "Ficheiro informativo de vehículos asegurados" (en diante, F.I.V.A.), de carácter público e xestionado polo Consorcio de Compensación de Seguros, ao que a lexislación atribúe a finalidade de subministrar a información necesaria para que as persoas implicadas nun accidente de circulación poidan descubrir á maior brevidade posible as circunstancias relativas á entidade aseguradora que cobre a responsabilidade civil de cada un dos vehículos implicados no accidente e a de facilitar o control da obriga de asegurarse..
O ficheiro contén os datos relativos a todos os vehículos con estacionamento habitual en España que estivesen asegurados na cobertura de responsabilidade civil de subscrición obrigatoria.
As entidades aseguradoras que operan no ramo de automóbiles están obrigadas a subministrar ao FIVA diariamente a través do Sistema de Transferencia de Ficheiros (actualmente, sistema EDITRAN), a actualización de datos, remitindo a información de altas e baixas de vehículos asegurados, que se identifican coa súa matrícula e código identificativo da súa marca, facendo constar, no caso das altas, as datas de inicio de vixencia e data de finalización do período de seguro en curso, tipo de contrato e, en caso de baixas, a data de cesamento da vixencia do seguro.
A información contida no ficheiro gozará de presunción de veracidade para os efectos informativos, salvo proba en contrario.
Entre as persoas e institucións ás que o Consorcio de Compensación de Seguros pode ceder, de acordo coa normativa legal, os datos contidos no F.I.V.A. non se atopaban, ata agora, os centros hospitalarios nin os servizos de emerxencias médicas.
Con ocasión da recente posta ao día da lexislación sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor, o Consorcio de Compensación de Seguros instou, con éxito, a oportuna modificación legal na materia, de forma que a Lei 21/2007, do 11 de xullo, recentemente aprobada, engadiu o seguinte parágrafo ao apartado 2 do artigo 25 do Texto Refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor:
""Terán tamén acceso á devandita información os centros sanitarios e servizos de emerxencias médicas que subscriban convenios co Consorcio de Compensación de Seguros e as entidades aseguradoras para a asistencia a lesionados de tráfico".