Protocolo de seguridade viaria
O 3 de maio de 2023, a pedimento da Fiscalía de Seguridade Viaria, asinouse, coa participación, entre outros, do Consorcio de Compensación de Seguros, un Protocolo Marco de Colaboración entre a Fiscalía e outras entidades e asociacións, para a protección dos dereitos das vítimas de sinistros de tráfico e sobre outras materias relacionadas coa seguridade viaria.
Xunto coa Fiscalía Xeral do Estado, representada polo Fiscal de Sala Coordinador de Seguridade Viaria, asinaron, ademais do Consorcio de Compensación de Seguros, UNESPA, OFESAUTO, o Consello Xeral de Avogacía, o Ilustre Colexio de Avogacía de Madrid, AESLEME, ASPAYM, FEDACE, P(A)T- AP(A)T e Stop Accidentes.
O Protocolo non establece novas obrigacións xurídicas, senón que se configura como vía da vontade das partes subscritoras para cumprir dilixentemente as obrigacións que xa lles incumben.
As institucións e asociacións asinantes do Protocolo queren promover os seguintes obxectivos:
- O impulso da solución extraxudicial das discrepancias, tendo en conta a necesaria autorización xudicial cando se trate de menores e de persoas con discapacidade para as que así se dispuxo xudicialmente.
- A simplificación e celeridade dos procedementos xudiciais civís e penais sobre accidentes de tráfico con resultados lesivos, promovendo unha pronta resolución dos órganos xurisdicionais, e a satisfacción das responsabilidades civís conforme ao procedemento citado no apartado anterior.
- A información e instrución dos dereitos e prestacións de toda orde de que son titulares as vítimas de accidentes de tráfico, de conformidade coa Directiva 2012/29/UE e correspondentes preceptos da lexislación nacional, coa finalidade de lograr unha asistencia inmediata e unha atención das súas necesidades nos distintos ámbitos sen demoras inxustificadas, todo iso en coordinación coas Oficinas de Atención ás Vítimas e coas Asociacións de Vítimas e demais asociacións asinantes.
- A prestación ás vítimas dunha atención e información pronta, eficaz e continuada, presidida por criterios de humanitarismo, velando por evitar que se produza o seu "esquecemento".
- A detección de determinadas condutas abusivas ou modalidades de fraude ás entidades aseguradoras ou ao Consorcio de Compensación de Seguros, procurando a máxima transparencia e observancia da legalidade no circuíto económico-asistencial que debe estar orientado á súa protección.
Ademais do anterior, as partes asinantes manifestan a súa vontade de organizar xornadas técnicas de formación para actualizar e completar os coñecementos nestas materias e, en particular, no Sistema legal de valoración de danos persoais (Baremo), e de informar ás vítimas e prexudicados por sinistros de tráfico dos dereitos que lles asisten.
Como sinala o Protocolo, "o Consorcio de Compensación de Seguros interveu tanto na elaboración do Baremo como na Guía de Boas Prácticas, acerca da cal esta entidade pública manifesta expresamente no seu sitio web o seu pleno respaldo a este marco".
En consecuencia, e da mesma forma, participando na elaboración deste Protocolo e subscribindo o seu contido mediante a súa sinatura, o Consorcio de Compensación de Seguros manifesta o seu compromiso cos obxectivos do Protocolo.
Por iso, tamén nesta ocasión, ademais da difusión externa a través do seu sitio web (www.consorseguros.es), o Consorcio de Compensación de Seguros difundiu internamente este Protocolo, co fin de que todas as súas unidades organizativas involucradas na tramitación das solicitudes de indemnización apliquen o seu contido na xestión diaria das indemnizacións derivadas do seguro de responsabilidade civil de subscrición obrigatoria, tanto nas súas funcións como Fondo de Garantía deste seguro obrigatorio, como nas de asegurador da responsabilidade civil dos vehículos cuxo aseguramento é rexeitado polo mercado de seguros e de aqueles vehículos de organismos públicos que voluntariamente subscriban dito seguro coa nosa entidade.
Protocolo Marco de Colaboración entre a Fiscalía e outras entidades e asociacións, para a protección dos dereitos das vítimas de sinistros de tráfico e sobre outras materias relacionadas coa seguridade viaria.