O Consorcio compensa os danos producidos polos Riscos Extraordinarios (fenómenos da natureza e feitos de carácter político ou social), a condición de ter subscrita, con calquera entidade aseguradora, unha póliza en ramos de danos nos bens, ou de vida e/ou de accidentes.
O Consorcio compensa os danos producidos ás persoas e nos bens por determinados fenómenos da natureza e por algúns acontecementos derivados de determinados feitos de incidencia política ou social, a condición de ter subscrita unha póliza nalgún ou nalgúns dos ramos respecto dos que a lexislación vixente establece a obriga de incluír nas súas correspondentes coberturas a garantía destes riscos.
O marco xurídico da cobertura dos denominados Riscos Extraordinarios en España está na actualidade presidido polo Estatuto Legal do Consorcio, aprobado pola Lei 21/1990, do 19 de decembro, e que, tras sucesivas modificacións, quedou recollido no texto refundido aprobado polo Real Decreto Lexislativo 7/2004, do 29 de outubro, con diversas modificacións posteriores.
Os termos en que se efectua a cobertura polo Consorcio están desenvolvidos na actualidade no Regulamento do Seguro de Riscos Extraordinarios, (aprobado por Real Decreto 300/2004, do 20 de febreiro, e modificado por Real Decreto 1265/2006, do 8 de novembro), no que se definen cada un dos riscos cubertos, os danos indemnizables e o alcance da cobertura. Esta norma vén a representar as Condicións Xerais que deberán ser aplicadas polo Consorcio na cobertura destes riscos, e representa a protección que, como mínimo, debe ter o asegurado.
A función do Consorcio é satisfacer as indemnizacións derivadas de sinistros extraordinarios aos asegurados que, pagando as correspondentes recargas no seu favor, non teñan amparado o risco extraordinario de que se trate pola propia póliza de seguro contratada coa entidade aseguradora.
Pode darse o caso excepcional de que aínda pagando a correspondente recarga de riscos extraordinarios a póliza de seguro encomende á propia entidade aseguradora a indemnización dos riscos extraordinarios. Non obstante, se a entidade aseguradora non puidese facer fronte ás súas obrigas indemnizatorias por atoparse en quebra, suspensión de pagamentos ou proceso de liquidación, sería o Consorcio o que asumiría as devanditas obrigas.
Na práctica totalidade dos casos, non se dá ningún dos dous supostos anteriores, polo que as indemnizacións derivadas de sinistros extraordinarios son abonados polo propio Consorcio.
Ámbito territorial
O obxectivo do Consorcio é indemnizar as perdas derivadas de acontecementos extraordinarios acaecidos en España, e que afecten a riscos nela situados. En caso de evento extraordinario acontecido no estranxeiro, o Consorcio non compensará os danos materiais habidos, senón só os danos persoais, se o tomador do seguro tivese a súa residencia en España.
Perdas indemnizables: danos directos e perda de beneficios
Para os efectos da cobertura do Consorcio, serán perdas os danos directos nas persoas e nos bens, así como a perda de beneficios cando sexa consecuencia destes danos nos bens e represente unha alteración dos resultados normais da actividade económica do suxeito asegurado, derivada da paralización, suspensión ou redución dos procesos produtivos ou de negocio da devandita actividade.