O pagamento do sinistro, sempre que o mesmo se producira ata a data en que a Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións declara vencidos os contratos, realizarase do seguinte xeito:
O Consorcio de Compensación de Seguros indemnizará aos prexudicados en accidentes de circulación:
a) A totalidade dos danos ás persoas e nos bens, ata a contía dos límites do aseguramento obrigatorio vixentes na data de ocorrencia do sinistro.
b) A parte dos danos que puidese exceder dos devanditos límites,abonarase sempre que na póliza subscrita coa Entidade en liquidación estivese contratado, ademais do Seguro Obrigatorio do Automóbil, o seguro voluntario de responsabilidade civil ("seguro a terceiros con responsabilidade civil ilimitada", na terminoloxía máis habitual), e na proporción que resulte posible, en función da situación económica da Entidade en liquidación.
Conforme á Lei 20/2015, do 14 de xullo, de Ordenación, Supervisión e Solvencia das entidades aseguradoras e reaseguradoras, unha vez se coñeza, aínda que sexa de forma provisional, o valor dos bens e dereitos da entidade ("activo") do que dispón para atender as súas débedas ("pasivo"), o Consorcio de Compensación de Seguros establecerá a porcentaxe que pode ofrecer aos acredores por contrato de seguro. Esta porcentaxe fíxase polo Consello de Administración do Consorcio de Compensación de Seguros en función do balance que bote a entidade, aplicando unha serie de medidas de mellora previstas na Lei, o que se fai, salvo razóns excepcionais, antes do transcurso do prazo dos 9 meses que establece a Lei. Unha vez determinada a devandita porcentaxe, o Consorcio porase en contacto con vostede para ofrecerlle o pagamento na porcentaxe antes citada.
Este sistema permite que os acredores por contrato de seguro non só poidan cobrar anticipadamente, sen ter que esperar ata o final da liquidación, senón que tamén recibirán unha contía superior á que lles correspondería na liquidación final, debido aos criterios utilizados na valoración do activo, anterior á súa efectiva liquidación, e que tenden a melloralo.